Recurso perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) contra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que privou da posibilidade de accións civís ás persoas afectadas do Banco Popular
Xoán Antón Pérez Lema, Avogados e consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Abogados y consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Lawyers and Consultants
Xoán Antón Pérez Lema, avogados, consultores, abogados, lawyers, consultants, Coruña
18253
post-template-default,single,single-post,postid-18253,single-format-standard,bridge-core-2.0.5,ajax_fade,page_not_loaded,,qode-theme-ver-19.2.1,qode-theme-bridge,qode_header_in_grid,wpb-js-composer js-comp-ver-6.0.5,vc_responsive
 

Recurso perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) contra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que privou da posibilidade de accións civís ás persoas afectadas do Banco Popular

Recurso perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) contra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que privou da posibilidade de accións civís ás persoas afectadas do Banco Popular

CASO POPULAR. O despacho Perez-Lema Avogados presenta recurso perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) contra á Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) de 5 de maio de 2022 que impide o exercicio de calquera acción civil dos accionistas de Banco Popular contra a entidade bancaria.

BREVE SÍNTESE DOS FEITOS MÁIS RELEVANTES.

1.- En xuño de 2019 o Xulgado de Primeira Instancia nº 2 da Coruña declarou a nulidade do contrato subscrito por un matrimonio galego, mediante o que contrataban accións da ampliación de capital de 2016 de Banco Popular, condenando ao banco a restituír aos demandantes o importe investido, máis os correspondentes xuros.

2.- A entidade bancaria recorreu a sentenza perante a Audiencia Provincial, quen decide elevar cuestión prexudicial sobre o asunto ao TXUE, mediante Auto de 28 de xullo de 2020.

3.- O 2 de decembro de 2021 o Avogado Xeral expón as súas conclusións, contrarias aos intereses dos investidores. Os demandantes solicitan a reapertura da fase oral do procedemento por entender que o Avogado Xeral se extralimitara na súa función ao interpretar o dereito interno español de xeito contrario á xurisprudencia do Tribunal Supremo, así como por expoñer cuestións novas, identificando aos accionistas cos investidores que contrataron baseándose nunha información falseada aportada polo propio banco.

4.- O TXUE traslada a devandita solicitude de parte ao Avogado Xeral, quen expresa o seu parecer sobre a mesma (art. 83 do Regulamento; par. 30 da sentenza do TXUE). O TXUE rexeita a solicitude de reapertura da fase oral do procedemento.

5.- Por sentenza do TXUE de 5 de maio de 2022, o Tribunal declara, seguindo as Conclusións do Avogado Xeral, que no caso concreto hai oposición pola normativa aplicada á recuperación do investido en accións do Banco resolto, ao producirse a amortización total das mesmas.

6.- Os demandantes, baixo a dirección letrada de Pérez-Lema Avogados, presentan demanda perante o TEDH contra a sentenza do TXUE.

PRESENTACIÓN DE DEMANDA PERANTE O TEDH CONTRA A SENTENZA DO TXUE DE 5 DE MAIO DE 2022.

O recurso presentado perante o TEDH contra á sentenza do TXUE de 5 de maio de 2022 diríxese contra o Reino de España e os outros 26 Estados membros da UE, sendo pacífica e reiterada a xurisprudencia de Estrasburgo sobre a existencia de responsabilidade dos Estados contratantes dunha organización internacional para facer efectivo o cumprimento das súas obrigas derivadas do Convenio, neste caso o Europeo de Dereitos Humanos, pois o contrario “sería incompatible coa finalidade e obxecto do Convenio, as garantías do Convenio poderían limitarse ou excluírse a vontade, privándoo dese modo do seu carácter perentorio e socavando a natureza práctica e efectiva das súas salvagardas”. Sentenza Bosphorus c. Irlanda (GC), nº 45036/98 de 30 de xuño de 2005; Marta Andreasen c. Reino Unido e outros 26 Estados Membros da UE, nº 28827/11, Decisión de 31 de marzo de 2015, e as sentenzas invocadas nesta última.

Céntrase o recurso ao TEDH nunha vulneración do artigo 6.1. do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, ao non salvagardarse no proceso prexudicial substanciado no TXUE o dereito a un proceso equitativo, a igualdade de armas e a contradición entre as partes. E isto porque, unha vez presentadas as Conclusións do Avogado Xeral o pasado 2 de decembro de 2021 manifestando que os accionistas carecían de acción resarcitoria contra a entidade bancaria despois de ser esta resolta, esta representación solicita a reapertura da fase oral do procedemento, alegando:

a) Extralimitacións do Avogado Xeral nas súas Conclusións, ao interpretar unha norma interna española (arts. 1303 a 1307 do Código Civil), e ademais, contravindo a xurisprudencia do Tribunal Supremo sobre estes preceptos;

b) Introdución de cuestións novas, que non formaron parte da fase de contradición: concretamente, a equiparación de investidores e accionistas; e a derivación da normativa sobre folletos de ampliación de capital á normativa do Dereito de Sociedades.

Tratar como simple accionista a un investidor que consinte en contratar accións baseándose na información falseada que o propio banco pon ao seu dispor, É CONTRARIA Á POSTURA QUE O MESMO AVOGADO XERAL INFORMA NO ASUNTO C-910/19, Bankia, SA contra Unión Mutua Asistencia de Seguros (UMAS), ademais de constituír unha NOVA CUESTIÓN NON EXPOSTA POLO BANCO NIN POR NINGUNHA OUTRA PARTE NO PROCESO.

O TXUE, “logo de ter ouvido ao avogado xeral” resolve a devandita solicitude de reapertura da fase oral de xeito negativo, alegando que non existe feito novo que poida influír na decisión do Tribunal. O Informe do Avogado Xeral sobre a petición de reapertura da fase oral non foi comunicado aos demandantes.

Sendo a sentenza do TXUE de 5 de maio de 2022 de inmediata e obrigada aplicación polos Tribunais dos Estados da UE, é urxente a interposición do devandito recurso perante o TEDH contra ela, toda vez que dado que son centos de miles os afectados por casos idénticos ao que trata a sentenza do TXUE, precede a súa revisión sen esperar ao esgotamento dos recursos na vía interna (principio de economía procesual, así como o feito de que está en xogo a posible vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva de todos os accionistas da ampliación de capital de 2016 de Banco Popular, ao quedar vetados de calquera tipo de acción resarcitoria contra o banco).

Paralelamente, o despacho Pérez-Lema Avogados continúa exercitando as accións penais correspondentes contra o Consello de Administración de Banco Popular no procedemento 42/17 que se está a substanciar no Xulgado Central de Instrución nº 4 de Madrid.