O enfoque dunha pericial en materia de psicoloxía forense (III)
Xoán Antón Pérez Lema, Avogados e consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Abogados y consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Lawyers and Consultants
Xoán Antón Pérez Lema, avogados, consultores, abogados, lawyers, consultants, Coruña
18209
post-template-default,single,single-post,postid-18209,single-format-standard,bridge-core-2.0.5,ajax_fade,page_not_loaded,,qode-theme-ver-19.2.1,qode-theme-bridge,qode_header_in_grid,wpb-js-composer js-comp-ver-6.0.5,vc_responsive
 

O enfoque dunha pericial en materia de psicoloxía forense (III)

O enfoque dunha pericial en materia de psicoloxía forense (III)

Continuando coas publicacións informativas e colaborativas damos contestación á segunda pregunta que formulabamos para concretar a actuación do letrado:

Cal debe ser o obxecto do encargo, en base ás necesidades xurídicas conformadas atendendo á construcción dun acervo probatorio tendente a apoiar as nosas pretensións?

Así como o contido do ditame técnico (isto é, estrutura, construción dun protocolo científico, procedemento, aplicación, análise e redacción) é un traballo eminentemente técnico, o obxecto do encargo ha de ser delimitado polo avogado. O avogado, en maior medida que o propio peritado, é o único cos coñecementos sobre o asunto necesarios para formalizar o que será o eixo sobre o que se articule o informe. Para desenvolver o obxecto do ditame é necesario que o avogado identifique exactamente as necesidades xurídicas derivadas dos feitos que expón, vinculadas directamente coas pretensións que se están exercitando.

Por tanto, o primeiro é preguntarse “que necesito para probar o que digo e que solicito?“.

Por pór un exemplo concreto para dar resposta a estas cuestións poremos unha das áreas nas que máis periciais no ámbito da psicoloxía forense se solicitan, as incapacitacións laborais. Se nos atopamos ante unha persoa que solicita a incapacidade permanente absoluta cun diagnóstico de depresión maior ou de trastorno de tensión postraumática desenvolvido nun contexto laboral (casos de acoso laboral) o primeiro é ter claro de que forma se exporán os feitos e que imos pedir. Se temos a sorte de que manexamos documental técnica (por exemplo o historial médico expedido por médicos de familia, psiquiatras ou no seu caso informes de psicólogos), podemos apoiarnos nos seus diagnósticos para formalizar o relato dos feitos e podemos ter unha idea de con que obxecto solicitar o informe.

Ademais disto temos que ter presente que imos solicitar, non é o mesmo solicitar unha incapacidade parcial que unha incapacidade total, e tampouco é o mesmo unha total que unha absoluta. Pode darse o caso de que a idea do avogado é que a persoa está afecta a unha incapacidade permanente absoluta pero unha vez realizada a valoración o resultado pode ser distinto e estimar que o caso se axusta a unha incapacidade funcional total, en todo caso, a idea preliminar sobre cal será o obxecto do encargo ha de partir necesariamente do avogado ou nalgúns casos do propio peritado. Se nos feitos queremos manter que unha persoa presenta un trastorno de tensión postraumática á data de presentación da demanda, vinculado a un acoso laboral, e ademais queremos solicitar que esta persoa sexa declarada en situación de incapacidade permanente total, temos que trasladar ao perito estas cuestións, tendo en todo caso presente que o resultado do ditame pode ou non axustarse á idea que o letrado ten sobre os feitos.

O resultado desta análise sería trasladar ao perito que temos informes doutros técnicos que manteñen que o peritado ten un problema psicolóxico e os datos obxectivos que coñecemos sobre a súa capacidade funcional, e comentar que necesitamos un ditame técnico para acreditar a existencia dese trastorno e unha posible incapacidade laboral.

Se ademais disto necesitamos analizar outras cuestións; como pode ser a relación de causalidade entre un feito (p.e. acoso laboral) e as consecuencias (p.e. TEPT) entón tamén temos que solicitalo expresamente, dado que estas cuestións aínda que son eminentemente xurídicas si poden ser obxecto de valoración técnica nalgún extremo, como sería o caso de avaliar a posible coincidencia de sintomatoloxía informada cuns feitos concretos (síntomas de TEPT cuns feitos valorados como acoso laboral) ou ben a credibilidade do testemuño do peritado (no seu caso valoración adicional sobre a posible simulación da sintomatoloxía).

Todas estas cuestións poden concretarse se avogado e perito teñen un nivel de comunicación efectivo, suficiente e orientado á utilidade da proba, sempre como é evidente sen comprometer en forma algunha o deber de obxectividade de todo perito, e respectando enteiramente a súa imparcialidade.

Se seguimos sempre un camiño, podemos xerar un sistema, se utilizamos un sistema determinado podemos crear unhas normas para garantir o seu funcionamento, e se temos unhas normas concretas coas que operar é máis fácil chegar a un resultado. Aquí desagregamos o segundo dos pasos a seguir para o caso de que un avogado necesite un informe pericial na área da psicoloxía forense, pero seguiremos profundando nos seguintes en aras de pór a funcionar o sistema de obter un ditame pericial verdadeiramente útil, pertinente e relevante.