O ENFOQUE DUNHA PERICIAL EN MATERIA DE PSICOLOXÍA FORENSE (II)
Xoán Antón Pérez Lema, Avogados e consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Abogados y consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Lawyers and Consultants
Xoán Antón Pérez Lema, avogados, consultores, abogados, lawyers, consultants, Coruña
18199
post-template-default,single,single-post,postid-18199,single-format-standard,bridge-core-2.0.5,ajax_fade,page_not_loaded,,qode-theme-ver-19.2.1,qode-theme-bridge,qode_header_in_grid,wpb-js-composer js-comp-ver-6.0.5,vc_responsive
 

O ENFOQUE DUNHA PERICIAL EN MATERIA DE PSICOLOXÍA FORENSE (II)

O ENFOQUE DUNHA PERICIAL EN MATERIA DE PSICOLOXÍA FORENSE (II)

Continuando co proceso de formalización do encargo dun ditame técnico en materia de psicoloxía forense, valoramos hoxe a primeira pregunta que nos expuñamos:

Que necesitamos exactamente para probar as cuestións técnicas que pomos de manifesto no procedemento?

Unha das cuestións máis importantes no momento de valorar a necesidade de solicitar un informe pericial, é precisamente determinar que se necesita exactamente para probar o que contemos no relato fáctico da nosa demanda.

Parece claro que non podo recoller cuestións técnicas que afecten a área da psicoloxía forense sen fundamentar tecnicamente o que quero manter, polo que o primeiro é estudar se é necesario o gasto de tempo e diñeiro que supón a emisión dun ditame técnico na materia.

Poida que o letrado dispoña de testemuños, de proba documental e mesmo dun interrogatorio de parte que poida beneficiarlle, pero se estamos a falar de secuelas ou lesións psicolóxicas, da conveniencia dun réxime de custodia ou outro, de imputabilidade, incapacidades etc. que pode resultar máis útil que o parecer dun especialista que fundamente tecnicamente a nosa demanda utilizando un protocolo con evidencia científica contrastada?

O historial médico da administración e da mutualidade que corresponda; de existir; é unha proba técnica igualmente interesante, pero tampouco cobre enteiramente as necesidades específicas que xorden do relato de feitos dunha demanda, e pode darse a circunstancia de que o que se conteña nesta proba documental beneficie pero tamén prexudique parcialmente ao interesado e en todo caso xa obrará nos autos correspondentes a disposición do xuíz e todas as partes.

Tamén é certo que en moitos casos podemos solicitar pericial xudicial a través do IMELGA; actuación pola que os letrados optan frecuentemente; pero descoñecendo totalmente o profesional que realizará o informe, e tendo en conta que o ditame se elaborará con posterioridade á presentación da demanda, non sería máis útil achegar un ditame técnico que coincida temporalmente coa presentación da demanda, e que teña por obxecto exactamente o que necesitamos fundamentar tecnicamente?

Por se o feito de que se trate dunha pericial de parte non termina de convencer ao letrado, habemos de apuntar que unha pericial solicitada especificamente pola persoa que necesite servirse dela non implica unha maior parcialidade nin subxectividade, posto que estamos obrigados a realizar os informes cun criterio técnico baseado na evidencia científica, utilizando para iso protocolos que revistan garantías suficientes para formalizar os informes de maneira que cumpran coas notas de obxectividade, imparcialidade e neutralidade. Ademais cando ratificamos ou aclaramos as nosas periciais en xuízo estamos igualmente sometidos ás estritas esixencias legais que se nos impoñen a todos os peritos, que pasan por pronunciarnos con especial respecto ao noso especial e leal saber, sendo especialmente importante que as nosas conclusións estean baseadas nos resultados de instrumentos de avaliación adecuados e de fundamentos técnicos suficientes. Poida que vaiamos manter algo que non beneficie ao peritado, pero en todo caso quedará baixo o criterio do letrado utilizar esta proba ou non, posibilidade da que non se dispón se se solicita pericial xudicial ou ben se fai uso xenérico das historias médicas dos peritados.

Tendo en conta que podemos elaborar un ditame atendo á necesidade real do peritado, e que o noso criterio en materia de lesións ou secuelas psicolóxicas, imputabilidade, conveniencia en procedemento de medidas paterno-filiais, incapacitacións civís e laborais, credibilidade de testemuños etc… é dificilmente substituíble por outra proba, cando menos os letrados deberían estar abertos a servirse dun ditame técnico especialmente relevante e pertinente cando o que se axuíza pertence ao ámbito da psicoloxía.

Queda moito camiño que percorrer para dar corpo e recorrencia ás periciais de parte en materia de psicoloxía forense, pero seguimos dispostos a axudarche e atender as túas consultas co obxecto de visibilizar a súa especial utilidade en todas as xurisdicións.