
12 Set O Avogado Xeral do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) abre a porta a novas reclamacións en préstamos hipotecarios
Todas aquelas persoas que teñan unha hipoteca referenciada ao índice IRPH poderán iniciar unha reclamación.
O coñecido como “IRPH” é un índice de referencia en algunhas hipotecas como alternativa ao EURIBOR. Mentres que o EURIBOR flutúa e tende á baixa, o IRPH é moito máis estable e elevado, o que comporta un pagamento de cotas maiores na hipoteca.
Até o de agora, os consumidores que tiñan hipotecas contratadas con IRPH tiñan blindado o acceso a unha reclamación, dado que o Tribunal Supremo (TS) se manifestou en decembro do 2017 considerándoo un índice transparente.
Mais agora, o Avogado Xeral do TXUE no seu ditame asegura que é posible que os afectados polo IRPH inicien unha reclamación particular solicitando a nulidade do mesmo, cos seus consecuentes efectos. Efectos que, pese a que deberán ser concretados na propia sentenza, moi posiblemente comportarían a inaplicación do índice no futuro e a devolución con intereses legais das cantidades pagadas polo mesmo durante a vixencia de cada préstamo.
Así, e pese a que este ditame non ten carácter vinculante (a resolución definitiva espérase para comezos do ano próximo), practicamente con total seguridade a sentenza do TXUE irá na mesma liña que o defendido polo seu Avogado Xeral. Isto é, que todas aquelas persoas que teñan unha hipoteca referenciada ao índice IRPH poderán iniciar unha reclamación a fin de que se declare a súa nulidade e, por tanto, a súa inaplicación, o que sen dúbida comportaría importantes beneficios económicos para os afectados.