Xoán Antón Pérez Lema | Aínda hai xuíces en Luxemburgo
Xoán Antón Pérez Lema, Avogados e consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Abogados y consultores | Xoán Antón Pérez Lema, Lawyers and Consultants
Xoán Antón Pérez Lema, avogados, consultores, abogados, lawyers, consultants, Coruña
17587
single,single-post,postid-17587,single-format-standard,ajax_fade,page_not_loaded,,wpb-js-composer js-comp-ver-4.3.2,vc_responsive
 

Aínda hai xuíces en Luxemburgo

clausula suelo 1

Aínda hai xuíces en Luxemburgo

Dende fins dos 90 do século pasado foi cotián por case todas as entidades bancarias concertarlle aos consumidores os préstamos con garantía hipotecaria referidos ao euribor incrementados cunha diferenza adicional (+0,50%, +0,75%, 1%, etc.). Mais introducíase no contrato unha cláusula de chan (normalmente entre o 2,5% e o 4,5%) que actuaba como límite por abaixo. É dicir, se o euribor máis a diferenza adicional ficaban por baixo do chan aplicábase éste .

O Tribunal Supremo (TS) ditaminou que as cláusulas de chán do BBVA, NCG Banco (hoxe Abanca) e Cajamar vulneraban a precisa transparencia, procedendo a anular esas cláusulas. No noso Dereito, os efectos da nulidade consisten en que as partes devolvan o que percebiron cos seus xuros legais dende a data na que se iniciou a relación (é dicir dende que se outorgou perante notario o préstamo hipotecario). Mais o TS, nese caso, considerou que os efectos despregaríanse só dende a data da sentenza (9 de maio do 2013), non dende a data de cadanseu préstamo, por considerar que doutro xeito poríase en perigo a estabilidade do sistema financeiro. Unha segunda sentenza do TS consolidou esta xurisprudencia, claramente política no canto de xurídica.

Mais algúns xuices e tribunais dubidaron da compatibilidade desta “doutrina de patacón” coa lexislación europea de protección dos consumidores. E prantexaron a oportuna cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da UE  (TXUE), que a resolveu determinando para todos os xuices europeos a obriga de aplicar a nulidade dunha cláusula abusiva dende a data na que naceu o contrato. É dicir, que os tribunais españois, se consideran abusiva unha cláusula de chan, haberán condenar ao banco a lle devolver ao consumidor todas as cantidades cobradas de máis dende a data de formalización do préstamo, como se a cláusula non tivese existido nunca.

Dende a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia vimos xa esta oportunidade a primeiros de ano e formulamos unha demanda colectiva perante o Xulgado do Mercantil d’ A Coruña, xa admitida a trámite, para que Abanca devolva as cantidades cobradas de máis dende as datas de cadanseu préstamo até o 9 de maio do 2013. Unha conta aproximada achéganos uns 7.500-8.000 euros a devolver nun préstamo de 100.000 euros pola diferenza de xuros do periodo novembro 2008-maio 2013. Cantidades moi importantes se pensamos que existen, só no caso de Abanca, 76.000 afectados en todo o Estado.

O TXUE reconciliounos co Estado de Dereito. Parafraseando ao muiñeiro de Potsdam que preiteou co rei de Prusia “aínda hai xuices en Luxemburgo”.

Publicado en La Región